11 de diciembre de 2008

O tren e as linguas

Eu son das que fan dúas horas de viaxe en tren ao día. Si, éme moito. Aínda sí, tento mitigar a soidade do tren, lendo moito. Antes tamén escoitaba música, até que comprendín a cantidade de cousas importantes que se perden os sordos, e decidín deixar de selo.

Hoxe, pola mañá, no tren, escoitei a un home falando en galego por teléfono. Lémbrovos que os meus traxectos en tren fágoos en Madrid. A cousa é esta: alguén, nun tren madrileño, falando en galego. Pero en galego do bo. [Que ledicia de decisión, esa de deixar a música para outro momento!]

Nese momento, co home dos lentes escuros e a lingua galega sentado unhas cadeiras por diante de mín, sentínme un anaco mellor. Non cho sei expresar doutro xeito. Ademais, o sol penetraba polo vidrio da xanela, e unhas cadeiras máis preto, dous africanos regalaban ao vagón o dulzor da súa lingua tribal. O sentimento é algo indescriptible.

Hoxe, a música das linguas espertoume nestes días de frío madrileño e soidade de tren.

No hay comentarios: